Fondos privados de pensións.

calendar Marzo 6th, 2011

O moscón remítenos este pequeno video atopado en Youtube:

As pensións públicas seguen a ter superavit, malia o paro. É iso un síntoma de debilidade?
Pola contra, os fondos de pensións privados non o pasan moi ben. Claro, xogan cos cartos dos pensionistas (ou dos fututos pensionistas) á bolsa e agora toca perder… porque supoño que os xestores dos fondos tamén se estarán arruinando, ou eles non?.

Filed in: especuladores, omoscon

by: moscon

Non hai comentarios

27-01-2011. Folga Xeral

calendar Xaneiro 15th, 2011

Ía dicir algo sobre a necesaria folga xeral, pero ista moza faino mellor.:

Filed in: Sen clasificar

by: moscon

Non hai comentarios

Don Paio: Hai que resolverlle os problemas á xente

calendar Outubro 17th, 2010

Xa está novamente o repetitivo de don Nuno a dar a vara coas súas teimas elevadas que a ninguén importan. Porque, a quen lle importa se quen impón as políticas económicas son os mercados ou os mercadores?. Ao cabo hai que lles facer caso se non queremos que isto se vaia ao tacho, que o que mandan son os cartos, si os cartos, que xa mesmo o dicía ese gran español que foi Quevedo, “poderoso cabaleiro é don diñeiro”, e perdón pola tradución pero é cousa deste tradutor automático, que fai estas faenas, como lle pasou ao noso querido conselleiro co de Desván de los Monjes (por certo, que bonito queda na nosa lingua común, ou non? E é que onde haxa unha lingua moderna…).

Pero, realmente , que lle importa á xente quen está detrás dos mercados?,  o POBO haille que falar DO QUE QUERE OÍR,  xa está ben de darlle a vara, o que hai é que resolverlle os problemas, que para iso están os políticos, ou non? que xa está ben de ser tan elitista, home. E ben sei que non todo vai ser falar de Belén Esteban e de fútbol e touros e cousas desas que nos preocupan a todos.  Claro que non, ben sei que tamén hai que falarlle á xente do traballo (de que pena que non haxa traballo, que a culpa é dos políticos que non saben crealo) , da inflación (é que os políticos non dan unha) da seguridade nas rúas (co fácil que é resolvelo, porque con Franco non pasaba, dende logo, pero estes políticos que practican o “buenismo”…) ou dese problemas tan graves que ás veces saen nos xornais e que os políticos non souberon atallar a tempo, como o da inmigración, en especial a dos xitanos, ou o do rei de Marrocos que quere invadirnos empezando por Ceuta e Melilla, ou o problema do leite, que pobres gandeiros, que pena que me dan, que non sei por que non se inicia unha liña de recollida de esmolas, aínda que se cáritas ou a cruz vermella non o fan os seus motivos terán, seguro, que hai moito vicio no mundo…

En fin, por que don Nuno non nos fala destes importantes temas e deixa de darnos a lata co dos mercados, co galego, coa defensa de folgas trasnoitadas e decimonónicas e outros temas aburridos que a ninguén importan. ¡Sexa moderno, home!, e sobre todo ¡atrévase a dar solucións, ou é que vai ter que buscalas a xente!. ¿Quere que empecemos a pensar agora?

Filed in: Sen clasificar

by: moscon

Non hai comentarios

O moscón: Galego na rede

calendar Setembro 20th, 2010

Hai iniciativas na rede a prol do galego que compre dar a coñecer, e o meu blog non se le moito, pero porei o meu graiño. Entre as iniciativas da fértil  «navalla suíza» temos o  «galego lab» e o «eu falo«. Desta última páxina sacamos o  seguinte vídeo, protagonizado por Javier Gómez Noya:

http://eufalo.tv/media/videos/gomeznoia.mp4

De non verse ben o vídeo (son cousas que poden pasar), podédelo ver en:  http://eufalo.tv/video/en-ferrol-falase-javier/

Filed in: Sen clasificar

by: moscon

Non hai comentarios

Nuno Valiñas: A ditadura dos mercados.

calendar Setembro 12th, 2010

Escóitase  continuamente. Os pobos, os estados, os gobernos, os cidadáns todos en suma, temos que someternos á Ditadura dos Mercados. É unha das grandes diferencias que observo nesta crise respecto á de 1929, a machaconería con que se repiten estas palabras “A Ditadura dos Mercados”. Isto e que daquela seica os ricos suicidábanse a moreas. Agora non, agora parece que a ditadura esa élles máis levadeira.

Mais, vaiamos por partes, que son os mercados?. Home si, xa saíu o espelido de sempre, claro que todos o sabemos, claro que si, os mercados son os lugares onde se coloca a mercancía para que os vendedores (mercaderes) e os compradores (mercadores), libremente as compren e as vendan, fixando así o prezo das cousas segundo a lei da oferta e a demanda. Suponse, claro, que hai moita oferta e tamén moita demanda, de forma que se alguén (mercader ou mercador) quere abusar, pois iso, se queda fóra do mercado, sen comprar ou sen vender, claro que si, claro que o mercado é iso.

Pero, son eses mercados, con moita xente vendendo e moita xente mercando moitas cousas, os da Ditadura esa?. Acaso son quen eses mercados de chantaxear estados, de tirar gobernos e de ditar, en definitiva, a política económica do mundo mundial enteiro?. Imaxinádevos á Sra. Florinda, vendedora de caraveis, e a don Manuel, mercador de grelos, ditándolle á Sra. Merkel ou a don José Luis as medidas a prol do despido libre?. Ves, só espelido, a que agora xa non che parece tan evidente?.

Ou sexa que non deben ser estes os mercados dos que fala a prensa cor salmón nin os cansinos fundamentalistas neoliberais. Non, eles falan dos grandes investidores en bolsa, en débeda pública, en barrís de petróleo (ou en millo a esgalla para “ecolóxicos” biocombustíbeis), como os Fondos de Investimento, capaces un só deles de mercar Burguer King (por exemplo), por 4.000 millóns de dólares dunha tacada, e sen hipotecas, claro. Eses grandes investidores que, por certo, son pouquiños, pero capaces de fundir unha empresa en bolsa, de colocar perto do abismo a un pobo enteiro manipulando a débeda, ou de elevar ou baixar en grandes porcentaxes o prezo das materias primas en pouco tempo, por poñer algúns exemplos.

Pouquiños, si, mais con gran poder, con peóns ben situados nalgúns organismos internacionais (FMI, BM), en determinadas TV (a Fox, por exemplo) ou en prensa que ata hai pouco era seria (Financial Times, tamén por exemplo) e que aínda conserva certa influencia (sobre todo porque o que din é o que pensan os poderosos co que, aínda que sexan burradas como que España non pode pagar a súa débeda, fáiselles caso porque esa “noticia” indica que os grandes compradores non van a prestar cartos a España se non sobe os intereses, facendo así profecías autocumpridas). E, dende logo, en sectores académicos fundamentalistas que apenas saben máis que repetir reiteradamente catro ou cinco ideas de forma que parezan verdades indiscutíbeis (como a da Ditadura do Mercado).

E tamén teñen os seus peóns nos propios “controladores” da economía, os que deberían de velar, precisamente, pola transparencia dos mercados. Tamén destes grandes mercados. Que control houbo senón, sobre a burbulla inmobiliaria?, ou hai uns anos sobre a burbulla dos punto. com? Ou hai uns meses sobre as famosas “subprime”, catalogadas practicamente ata o día antes da súa caída coa máxima clasificación de seguridade polas tres únicas axencias de cualificación existentes no mundo, as mesmas por certo que cualifican a débeda dos estados como o español?.

Ditadura do mercado?. Non, ditadura dos mercadores.

Filed in: Sen clasificar

by: moscon

Non hai comentarios

¿Que hai de malo en querer ser alguén en Madrid?, por Don Paio

calendar Decembro 27th, 2009

O señor Nuno Valiñas escribe un artigo contra o valente Anxo Lorenzo neste blog plural ao que non podo menos que contestar con vehemencia, aínda que non é tanto o ataque a Anxo ao que quero contestar senón as aparentemente graves insinuacións que ese tal Nuno realiza contra o noso Presidente e contra a súa Equipa de Goberno.

.

Si, aparentemente graves, digo, porque en realidade non o son, pois acusa ao noso Presidente, Feijoo, de pretender ser o Presidente de todos os españois e que os seus colaboradores pretenden ser “alguén en Madrid”. ¿E que?. Que hai de malo en querer ser alguén en Madrid? ¿E non sería bo que un galego volvese a ser Xefe en Madrid?.

.

E ademais Feijoo está demostrando que vale para o cargo. Que non?. Acaso hai outro Presidente dunha comunidade autónoma que o sexa ao tempo tan de todos os españois?, ou que tan sequera o intente tanto coma el?. ¿Cal consegue defender os intereses comúns sen fixarse en localismos estériles?, e todo dende unha esquina como esta, que mirando o mapa da nosa querida España ben se ve que estamos nunha esquina e esa e non outra é a razón do noso atraso. Malia a axuda dos nosos connacionais a xeografía e a fronteira con Portugal íllannos.

.

Lembremos grandes fitos do noso Presidente Común, como aproveitar a conferencia de presidentes autonómicos para defender, non ao sector lácteo nin a construción civil de Navantía, senón a auga para Murcia.

.

Ou como conseguiu unir a defensa dese sector lácteo e a idea de España. Porque acaso subvencionou ás escasas empresas galegas, claramente sospeitosas, polo demais, de separatismo?. Cá. Como vai caer en localismos tan infames sabendo que hai empresas en Valladolid, como Queserías Entrepinares, que están dispostas a recibir subvencións a cambio de montar aquí empresas transformadoras do noso leite?. Que mellor integración española que a de que as nosas materias primas as exploten xentes de outros lugares con subvencións nosas?.

.

Por non falar do sector eólico, corrixindo o grave erro de utilizalo para potenciar o grupo das conserveiras galegas, ou potenciar a investigación e fabricación en Galicia de aeroxeneradores e industrias auxiliares ou iniciar o grupo lácteo galego, sempre o mesmo. Cá. Se hai empresas españolas como Iberdrola ou Gas Natural ou Endesa que xa controlan o negocio, para que cambiar?. Que gran amor o de Feijoo polas nosas grandes empresas comúns. Amor correspondido, como non podía ser menos, polos seus dirixentes, como Ignacio Galán, de Iberdrola.

.

Pero tamén defende ás nosas cousas, como non podía ser menos, que tamén é o presidente dos galegos. Como ás nosas cooperativas. Ás nosas, claro, non as separatistas que dicía antes. Con nomes nosos de toda a vida como La Arzuana, ou La Tierra Llana, que nome tan bonito ¿ou non? E que me din de Perpetuo Socorro, que nome tan español e tan Cristián, lembrando á Virxe? E ademais moi apropiado para unha cooperativa láctea do noso terruño. Ou o apoio ao noso idioma. Ao común, claro, non a ese inventado que falan os separatista. O español e a nosa cultura común, corrixindo erros anteriores como os apoios á selección galega ou aos separatistas de mancomún.

.

En resume, señor Nuno Valiñas: ¡Que gran presidente de todos os españois temos na Xunta!

.

Filed in: Sen clasificar

by: moscon

Non hai comentarios

Nuno Valiñas: O bedel reclama protagonismo.

calendar Decembro 18th, 2009

Anxo Lorenzo está enfadado. Vamos, que opina que el non é un bedel nin un calquera senón o Responsábel da política lingüística da Xunta de Galicia, así, en maiúscula. El. E se Queremos Galego quere falar coa Xunta de Feijoo, con quen ten que falar é con el.

Ou sexa, que pretende ser o responsábel máximo desa política. O responsábel da retirada de apoio da Consellaría de cultura ao “Achegarte” (ex-cultur.gal), do despido pola Consellaría de presidencia de todos os que trallaban a prol do software en galego, da enquisa do galego da Consellaría de educación ou da retirada por todas as Consellarías da obrigación de coñecer (e, por tanto, de entender) o galego nas oposicións dos futuros traballadores públicos. En fin, o responsábel do ninguneo, cando non dos ataques directos, de todo un goberno á nosa lingua.

E coido que non. Que tal vez non sexa por falta de gañas do Anxo ese, pero o responsábel da actuación coordenada de varias consellarías é, claramente, o Presidente. Ese señor que preside a Xunta de Galicia mentres soña cos ollos abertos mirando cara a Moncloa.

Non sei se Anxo Lorenzo está de acordo coa política lingüística de Feijoo, pero si que semella que tamén soña cos ollos abertos, neste caso con que pinta algo nesa política lingüística. Política que, como se está a ver, definen unicamente eses que chegaron á Xunta co apoio de moitos galegos, pero coa única pretensión de “ser alguén en Madrid”.

Filed in: Sen clasificar

by: moscon

Non hai comentarios

Quéixate do bipartito, por Don Paio

calendar Xullo 10th, 2009

O transparente e glorioso trunfo do Feijoismo

Ben se ve, señor Moscón, o moito que lle doeu o brillante e transparente trunfo das gloriosas forzas feijoistas. E antes de que mo diga vostede direino eu, ben sei que o mérito non foi só noso. Porque, sexamos sinceros, ¿quen non se ten queixado do bipartito?. Nós, a dereita española, os que queremos que as cousas funcionen ben, como sempre, sen homosexuais (fóra do armario, que nós respectamos a súa liberdade sempre que non nos queiran impor a súa presencia), nin abortos (legais, que son os que fan escándalo), nin laicismo (público, que en privado cada quen é libre de crer o que queira), nin divorcios, nin separatismos… Sobre todo sen separatismos, porque nós queremos a España e non permitiremos que ninguén nos impoña galeguismos trasnoitados. Si, hai que respectar a nosa liberdade de ser só españois, porque a liberdade é algo moi sagrado, eh?, quen non quere a liberdade?, veña, que levante a man para vergoña de todos os demócratas de verdade.

Pim,pam,pum…Quéixate do bipartito

Pero non, como digo non me refiro aos que de natural queixábanos do bipartito, un goberno que nos quería impoñer o separatismo e o comunismo e o ateísmo e a homosexualidade e o asasinato de neonatos e…. Non, refírome a eses mesmos separatistas e roxos e verdes e lilas e… Acaso non se teñen queixado do bipartito?. Que non?. Por exemplo, non se queixaban da falta de transparencia do concurso eólico? De imposicións na xestión dos incendios? De ataques á liberdade dos propietarios cos bancos de terras?…

Transparencia e seguridade xurídica na dedocracia

Analicemos señor Moscón, porque antes do bipartito os parques eólicos dábanse a dedo, que é un sistema difícil de criticar porque cando se inicia xa se rematou. Ademais era un sistema moi respectuoso coa liberdade. Cando menos coa liberdade do propietario do dedo, e do seu cuñado, ou curmán, ou o que fose, que lle tocaba o dedo, digo o parque. Por riba, as cousas estaban claras dende o principio, o que tamén é unha vantaxe, ou acaso non queremos transparencia no goberno? Pois que maior transparencia que aquela. Todo o mundo sabía que, vía cuñado ou curmán ou amigo ou que fóra, ao final, o parque, ou o dedo, tocaría libremente aos de sempre, Fenosa, Endesa, Iberdrola… sempre os mesmos e ao mesmo prezo, barato. E que dicir da seguridade xurídica?,  tocándolle sempre aos mesmos, quen quere maior seguridade? Non había motivo para queixarse.

A imposición do concurso público

E claro, chegan os do bipartito e impoñen unilateralmente outras regras de xogo que obrigan ás empresas a participar nun concurso público. E os que tiñan asegurada a adxudicación quéixanse, con razón, da imposición, porque se é publico poden participar outros e entón, onde queda a seguridade xurídica? e a transparencia no resultado?. E que me di do que querían impor co concurso? Contrapartidas económicas!!!. Imos ver, se os parques son un negocio privado  a que vén obrigar a compartilo coa Xunta, que son todos?. Non é iso a imposición comunista?. E a saber en que pensaban gastalo despois!. E esa obriga de ter que ofrecer un proxecto interesante para Galicia?, valente parvada!. Se o que interesa é o máximo beneficio empresarial, a que ven impoñer a empresas madrileñas ou vascas ofrecer proxectos como o de formar un grupo lácteo galego, un clúster das conserveiras ou  facer fábricas de xeradores eólicos en Galicia. Iso é ir contra a liberdade empresarial. Había que queixarse.

A liberdade da prensa libre e independente

Por riba algúns proxectos gañadores impoñían unha pa rozando unha futura zona natura, e outros, xa montados nunha zona natura, íaselles aumentar a potencia. Esas desfeitas ecolóxicas en zonas tan sagradas, para algúns, como as naturas, presentes ou futuras, tiñan que ser imperdoábeis. Así o viron, con grande intelixencia estratéxica, os nosos medios xornalísticos libres, eses mesmos que agora poden cantar as excelencias dunha piscifactoría en Cabo Touriñán, e nos informan de que non se pode ir contra o progreso, a transparencia e a liberdade, incluída a liberdade de prensa. Porque, non hai que defender a liberdade sempre?, non hai que defender a liberdade de Pescanova a instalarse onde lle pete?. Quéixese agora do bipartito, se quere

A liberdade,a dedocracia e a responsabilidade das túas decisións.

E a política de incendios?. Lémbrase. Antes a política contraincedios era clara e transparente. E moi respectuosa da liberdade, todo hai que dicilo. Chegaba o verán e cos cartos contra incendios contratábase xente. Ben, contrataban os concellos, libremente, cos cartos da Xunta. A dedo, claro, sen imposicións, o que, como defendemos antes, é un sistema moi transparente e respectuoso coa liberdade do propietario do dedo, que neste caso, ademais, era o alcalde, elixido por todos e, por tanto, podemos (e mesmo debemos!) dicir que respectuoso coa liberdade de todos. E, como dixemos, sen ningún tipo de imposición ao alcalde, e claro e transparente: Es amigo do alcalde, contrátate, es inimigo (político) do alcalde, non te contrata. Maior transparencia e liberdade imposíbel. E ademais didáctico, que ben se sabe que quen é libre tense que aterse as consecuencias da súa elección, sen dereito a queixarse

¿Quen sabe o que é a xestión da biomasa?

Pois nada, chegaron os do bipartito e liárono todo. Pois non se puxeron a dicir que os incendios hai que apagalos pero, sobre todo, hai que prevelos?, que hai que “xestionar a biomasa”?. Ganas de liala porque ¿alguén sabe que é iso de xestionar a biomasa?. Seguro que algunha imposición a alguén. E as cuadrillas contraincendios centralizadas na Xunta, coa desculpa de profesionalizalas e evitar o amiguismo? Que falta de transparencia. E, que pasa?. Tan malo é que un alcalde teña amigos?. Así é normal que a xente se queixase do bipartito.

Outras imposicións, fallas de transparencias e ataques a liberdade

E o dos libros de texto gratuítos. Onde quedaba a liberdade de subliñalos? E iso de pretender que os nenos galegos se poidan entender cos galegos que falan galego?. Que imposición. E esa afrenta á liberdade dos funcionarios de obrigalos, repito, obrigalos a entender, e incluso falar, o galego?. E esa imposición de escoitar programas de radio que fan pensar como Diario Cultural ou Aberto por Reformas?, Ou ese incongruencia de seguir coa cidade da cultura, cando antes, cando aínda se podía parar, a criticaran? ou a imposición aos promotores de construír vivendas dignas coas Normas do Hábitat? Ou iso de obrigar a non construír na costa?. Como non queixarse do bipartito?

Se non te gusta o que pasa, quéixate agora do bipartito!!

Obrigas e imposicións, ataques a liberdade, falla de transparencia. Si. A xente tiña motivos para queixarse, señor Moscón. Así que agora, se non está conforme, ¡a queixarse ao bipartito!.

Asinado. Don Paio.

Filed in: Sen clasificar

by: moscon

Non hai comentarios

Bilingüismo harmónico segregacionista.

calendar Xuño 16th, 2009

Unha nova aportación do moscón. Parece que está experimentando co youtube ese.

Filed in: omoscon

by: moscon

Non hai comentarios

En defensa do galego

calendar Maio 18th, 2009

Hoxe, reaparece o noso antigo fundador, omoscón. Aquí quedan dúas mostras da súa actividade:

1) 17 de maio de 2009, manifestacion historica en defensa da lingua 

2009-1

2) E Feijoo reivindicándose «gardián do galego»

2009-2

Filed in: Sen clasificar

by: moscon

2 Comentarios

Olark Livehelp