A “invisibilidade política” e xornal.com
24 Maio 2007Preguntan os sisudos enquisadores de xornal.com: “¿Qué estima que sucederá en las elecciones municipales y autonómicas del 27 de mayo? Ganará el PSOE Ganará el PP Carezco de opinión”
Ou dito doutro xeito “entre este clavel y esta rosa su majestad es coja” que diría Quevedo
Ben, miremos: Está claro que para o máis rancio nacionalismo español, o nacionalismo unificador, todos somos españois e por iso, (por iso, si, nada máis que por iso ¿que pasa?, como se fixeran falla máis motivos…) a todos nos gustan os touros (¿velos torturar ata a morte?, pero ¿non é a festa nacional?, ¡pois a defendelos, carallo!) e o flamenco (hai a Lola Flores…esa si sentía a España). Só por ser españois sabemos, tamén, que o mellor libro do mundo é O Quijote, (e o que se perden, por certo, os que non saben castelán por telo que ler traducido…) ao tempo que non entendemos como se pode traducir, por exemplo, a Shakespeare ao galego, cando xa se pode ler perfectamente en castelán (perdón, español).
Ese nacionalismo non entende, é imposíbel có entenda, que alguén poda ter máis de dúas opcións. Hai dúas Españas, vale. A do Real Madrid e a do Atlético de Madrid (ou a do Barcelona, que, ao cabo tamén está en España, por moito que lle moleste a algúns), a da praia ou a da montaña, a de Manolete ou a de non me lembro quen, a de quen prefire ver touros ou ver fútbol, a da camisa azul e a da camisa vermella…
Esa España, cando hai eleccións sabe, evidentemente, que en España se presentan os mesmos partidos en todas partes, ¿acaso non somos todos iguais? ¿e que alguén precisa sentirse distinto co guai que é iso de ser español?. ¿É que se cren mellores? Por outra banda, se hai dúas opcións con posibilidades de gobernar, ¿para que queremos máis?. Así que, se en Madrid se presentan, con opcións de gañar algo, o PSOE e o PP, pois é que en todas partes se presentan. E, por tanto, un deles vai gañar e o outro vai perder. A iso se reducen as eleccións en Madrid, nas dúas Castelas… en toda España.
Esquécense, dende logo, de partidos tan importantes coma Izquierda Unida, por exemplo. E de que en moitos territorios (¿nacións?) hai opcións máis fortes cá un deles… ou que os dous .
Pero para eles é normal preguntarse tan só se vai gañar un ou o outro. Son nacionalistas reducionistas e reducidiños (de mente).
Enténdese.
Pero que tamén o faga un xornal galego, como xornal.com (ver resultados e comentarios)…
Non, iso non se entende.
E a ver se hai sorte e en Galiza, Euskadi e Cataluña, perden os dous… (E no resto do estado, tamén).

