Nuno Valiñas.
Nuno Valiñas: O bedel reclama protagonismo.
2009 decembro, 18
Anxo Lorenzo está enfadado. Vamos, que opina que el non é un bedel nin un calquera senón o Responsábel da política lingüística da Xunta de Galicia, así, en maiúscula. El. E se Queremos Galego quere falar coa Xunta de Feijoo, con quen ten que falar é con el.
Ou sexa, que pretende ser o responsábel máximo desa política. O responsábel da retirada de apoio da Consellaría de cultura ao “Achegarte” (ex-cultur.gal), do despido pola Consellaría de presidencia de todos os que trallaban a prol do software en galego, da enquisa do galego da Consellaría de educación ou da retirada por todas as Consellarías da obrigación de coñecer (e, por tanto, de entender) o galego nas oposicións dos futuros traballadores públicos. En fin, o responsábel do ninguneo, cando non dos ataques directos, de todo un goberno á nosa lingua.
E coido que non. Que tal vez non sexa por falta de gañas do Anxo ese, pero o responsábel da actuación coordenada de varias consellarías é, claramente, o Presidente. Ese señor que preside a Xunta de Galicia mentres soña cos ollos abertos mirando cara a Moncloa.
Nuno Valiñas: Hoxe a autoestrada fai anos
2009 abril 27
“Hoxe diversos medios de comunicación, senón todos, celebran o anivesario da grande obra que, ao parecer, “modernizou o país” (ver xornal.com) ou lembrando, de paso, a súa polémica, (ver galicia-hoxe.com.)
A obra foi certamente polémica, pero da polémica coido que se fala a medias: o rural contra o urbano, o atraso contra o progreso, a navallada que ía dividir Galiza en dous, literalmente, como quen di: este e oeste da propia autoestrada… Diso había moito, certamente.
Máis, se non lembro mal, un xa ten os seus anos, o que daquela se discutía realmente era sobre un modelo alternativo de desenvolvemento. Pretendíase que os cartos dos galegos que se ían utilizar na construción da autoestrada (os que aínda agora estamos pagando cada vez que nos vemos obrigados a circular por ela) se utilizasen en vertebrar realmente Galiza, algo moi necesario daquela e, tamén aínda, hoxe: Podía ser a través da electrificación das vías férreas e da construción de novas vías de cercanías ou, de preferirse potenciar as estradas, que foran autovías (redias que se dicía daquela se a memoria non me falla), moito máis baratas e menos agresivas polo que, obviamente, non se terían que limitar ao eixo Ferrol-Vigo, senón que integrarían Lugo e Ourense, por exemplo.
Deste xeito non se produciría a “navallada” en Galiza. A navallada que realmente houbo e que nos dividiu, en efecto, en dous, o Eixo Atlántico, desenvolvido, contaminante, afastado da outra Galiza, a do Interior, a de Lugo, a de Ourense, a da Costa da Morte…, territorios alonxados desa “columna vertebral”, condenados (non só pola autoestrada, é certo, pero tamén), a “ir esmorecendo”, durante estes 30 anos… e aínda.
Os que nos opoñíamos, ¿equivocámonos?
Asdo. Nuno Valiñas
Reforma electoral.
2008 xullo, 4
Non teño nada contra esquerda unida. Todo o contrario, é un partido que me cae ben, coas súas propostas progresistas tan necesarias, coa súa actitude non sectaria en Euskadi, a súa defensa, de sempre, do ecoloxismo, a muller, etc. Tamén con meteduras de pata como cando apoiou a Aznar, e ao Mundo, no seu ascenso á Moncloa, pero en xeral é positivo.
O que teño medo neste momento é que volvan a meter a pata con isto da reforma electoral. A noticia aparece en Vieiros e en GZnacion e a mesma parece alonxarse da análise de IU en Los porqués de un sistema electoral injusto, onde se avogaba por unha reforma que tomara como base a circunscrición unicamente estatal ou, preferentemente, autonómica.
En lugar disto, e segundo se le en Vieiros, propoñen incrementar o número de escanos en 50 que se repartirían nun sistema de restos que se adxudicarían nunha circunscrición única estatal. Non especifican moito máis pero enténdense que os escanos xa adquiridos, quedarían ata sumar os 350 actuais e que, a maiores, habería 50 escanos que se repartirían entre os votos sobrantes
Antes de manifestarme gustaríame ter un previsión de como quedaría o actual parlamento co último resultado electoral, pero non a teño e quero manifestar as miñas dúbidas. Non son bo estadístico, pero coido que beneficiaría aos partidos de “ámbito estatal”, especialmente a PP e Psoe. (por exemplo, os restos, despois de adxudicar escanos, de Galiza, non poden ser moitos sobre o total estatal de restos.). E, en principio non me vale o análise que coñezo de IU, e que reproduzo máis arriba, pois agora non falan de circunscrición estatal ou autonómica, senón de reparto de restos, nin tampouco falan de repartir entre 350 escanos, senón entre 50, que é moi distinto.
Asdo. “Nuno Valiñas”
Please share your thoughts
Arquivado en: Sen clasificar
